Cociñeiras con talento

Xavier Castro

Ensaio. 142 mm.  x  210 mm. 270 pax. 19 €
Distribúe: Maidhisa. Tel. 916 702 189

Cociñeiras con talento é un ensaio histórico de grata lectura e escrito con rigor, que aborda unha temática novidosa e de gran relevancia para a gastronomía de Galicia e para a historia das mulleres que alimentaron a nosa xente co seu esforzado labor. Mulleres xenerosas que se conformaban con racións escasas con tal de que os seus fillos e maridos estivesen ben mantidos. Cociñeiras que forxaron co seu talento a gastronomía galega enxebre e a alta cociña. Segundo a chef con estrela Michelin Lucía Freitas: “O libro, aparte de desfrutalo a feixes, afianzou o obxectivo que teño de poñer en valor o talento e o esforzo das mulleres que representan todas as profesións que fan posible o ecosistema da nosa gastronomía. Pero elas son ademais cociñeiras de alma, cada unha cociña para os seus. Xavier Castro salienta nesta obra o papel ninguneado que a historia outorgou ás cociñeiras, con moita investigación, coñecemento e sabedoría ó respecto, e eu teño que poñer o foco no importante: non tanto nas  estrelas Michelin, como nas mulleres que traballan a terra e o mar, producen, elaboran e dan amor ó traveso da cociña; que son as mesmas que nos seguen a dar ese amor ós cociñeiros estrelados. Xavier titula esta marabilla Cociñeiras con talento; eu engado cociñeiras de amor e legado, mulleres que crearon, produciron, gardaron e transmitiron a base culinaria da que se nutre a sociedade actual”. 

Agora ando a ler o último libro de Xavier Castro “Cociñeiras con talento. Mulleres e gastronomía en Galicia”. Polo que xa levo lido, atrévome a lles recomendar o libro. Xavier Castro élles un coñecedor profundo da nosa realidade íntima se é certo que somos o que comemos (e debe selo) e coñecedor non só da nosa gastronomía senón da nosa historia colectiva, do noso xeito de nos explicar a existencia e nos animar a vivila de modo e maneira como o facemos dende o comezo dos tempos, malia que agora estea cambiando de xeito tan precipitado como ningunhas outras xeneracións se atreveron nunca a sospeitalo. En todo caso, léano, lean o seu libro e xa me dirán se teño ou non teño razón opinando como opino.

Alfredo Conde. «Os xamoneiros sen xamóns», La Región, 11/10/2023